Un amigo/conocido me envía periódicamente anuncios sobre sus publicaciones en revista de galicia, hasta hace poco se le ocurrió la brillante idea de adjuntar el enlace, así que copio sus textos integros.
Cinzas nos ollos
RAMÓN BLANCO
Lunes , 29-03-10
Esperto cun ruído tolo de campás. Veño de soñar cun neno morto. Os vidros da fiestra son vencidos por chíos de paxaros e berros de crianzas. Non me estraña que Virginia Woolf acabase tola, penso, aínda na cama, mentres lembro que onte volvín ver o filme As horas, outra vez cunha dor moi profunda. Érgome e lavo a cara varias veces, como querendo borrar o rastro dun crime, como se puidésemos borrar o que, sen querer, pensamos. Contravindo os consellos oftalmolóxicos dunha compañeira, gústame ler inmediatamente despois de recordar e refrescar os ollos. Ás veces nin a auga fría evita o incendio da vista ao contacto coa páxina. A literatura, coma o amor, debería ardernos nos ollos, converternos en cinza.
Vénme á cabeza a conversa que tiven unha noite con Agustín Agra sobre o seu relato «O anel de Coleridge». Busco o libro. Sento no bordo do leito e leo: «Cando acordou, tardou aínda uns segundos en recoñecer onde se atopaba, mais, en apenas un intre, identificou a súa cama». Vou pasando as follas, coma quen arrinca pétalos dunha flor traída do soño. Debía ter eu dezaoito anos cando, sentado no chan deste cuarto, co lombo apoiado contra o estante, lía aquela edición de Bruguera, en tapas duras amarelas, da Nueva antología personal de Borges. Nalgún caderno perdido nalgures anotei as impresións que me provocaran os desvelos oníricos de Coleridge («If a man could pass through Paradise in a dream, and have a flower/ presented to him as a pledge that his soul had really been there, and if he/ found that flower in his hand when he awake – Aye, what then?»), contaxiado eu por aquel cego que sempre tivo a cor amarela por compañeira.
Non hai moito asistín a un recital de Carlos Oroza (antes houbera tempo para tomar un café coa que fora dona da miña vontade, amante das flores amarelas. Discorría entre nós unha distancia íntima, a mirada solitaria: «miro por tus ojos empujo por tus ojos/ y me encuentro con las últimas cenizas». Despedinme dela imaxinando que abrazaba o lixeiro fume do seu cigarro). Ao finalizar o acto fun agradecerlle ao poeta os versos que me acompañaban: «Una vez me escupiste cenizas en los ojos/ Y yo te dije/ sigue sigue sigue». Despois gardei un cartel que anunciaba o recital. Non sei que soñei aquela noite, mais cando acordei, en apenas un intre, identifiquei a miña chaqueta, colgada nunha cadeira. Nun dos petos descubrín o cartel pregado. Alí estaba aquela flor, para torturarme.
ABC.es
martes, abril 13, 2010
Suscribirse a:
Comentarios de la entrada (Atom)

0 mordidas:
Publicar un comentario